Novos camiños

Moitas veces teño dito aquí que este é un espazo persoal pero de carácter profesional. É dicir, un lugar no que opino, valoro ou conto sobre cuestións que teñen que ver, dun xeito ou doutro, coa miña profesión de orientador laboral.

Nestes últimos meses a miña posición profesional ven de mudar. Dende o inicio deste pasado verán non exerzo de orientador. Cambiei de posto e, certamente, xa non estou todo o día mergullado en cuestións de orientación. O meu tempo de traballo está agora protagonizado por reunións, negociacións, propostas e tarefas administrativas de diversa índole.

Para min é imposible deixar de ser orientador. Nin poderei nin vou intentalo. Pero é certo que neste momento non conto co tempo necesario para estar ó día das cuestións da profesión, do marco legal, dos programas e proxectos, das iniciativas… E, o que máis pode afectar ós contidos de este blog, xa non estou acompañando a persoas no seu devenir profesional.

Dese traballo de “barricada” que tanto me gusta é do que máis se alimenta este blog e, como digo, iso xa non o estou a facer.

Así que levo dende principios do verán debatindo conmigo mesmo que fago con este espazo. E non o dou resolto. E creo que non serei quen de resolvelo.

É moi posible que o deixe aquí e volva rescatalo cando recupere a miña actividade de orientación, algo que pasará nalgún momento, nun ámbito ou noutro, mais non sei cando.

Polo de pronto, vou iniciar esta tempada deixando unha entrevista que me fixeron no meu barrio, en Coia. Non é estritamente profesional. É máis ben persoal pero incluíndo cuestións de orientación e especialmente do meu traballo coas persoas.

Gustei moito de facela. Pasei un bo rato lembrando cousas do barrio e encantoume poder aclarar dende que posición exerzo profesionalmente.

E logo disto, pois xa veremos… Strangeways, here we come

2 reflexións sobre “Novos camiños

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.